A Asociación de criadores de ovino e caprino de Galiza (OVICA) obtén o premio Agader ás iniciativas de desenvolvemento rural 2006
25 Abril 2007
O xurado deste premio –composto por representantes da administración e das universidades galegas- tivo en conta o traballo que vén realizando OVICA desde o ano 1994 a prol da revitalización da produción de carne de ovino e de cabrún como unha aposta pola diversificación no medio rural, pola mellora da calidade de vida dos seus habitantes e pola prevención dos incendios forestais mediante o pastoreo no monte.
O segundo premio outorgóuselle de forma compartida á candidatura de Xosé Ramón Mariño Pedrido pola súa plantación de castiñeiros en Ferreira de Pantón e á adega Val de Quiroga, por combinar o cultivo da vide e a elaboración de caldos de calidade coa recuperación da plantación de oliveira e a fabricación de aceite. A cooperativa de Palas de Rei Milhulloa recibiu o terceiro premio polo carácter innovador da súa actividade baseada no cultivo ecolóxico e na comercialización de plantas aromáticas e medicinais. Houbo ademais un premio especial para a comunidade de bens Horta Trigás de Mondoñedo, na categoría de proxectos impulsados por mozos e mozas do noso País.
A Asociación de criadores de ovino e caprino de Galiza (OVICA) vén de gañar o primeiro Premio Agader ás iniciativas de desenvolvemento rural 2006, convocado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e dotado cun total de 25.000 euros. Á hora de tomar a súa decisión, os membros do xurado tiveron en conta a importancia do traballo desenvolvido por esta asociación, fundada en 1994 e que conta na actualidade cun total de 241 socios e 45.000 cabezas de gando. En concreto, avaliaron a súa contribución “á hora de revitalizar a produción de carne de ovino e de cabrún en Galiza como unha forma de traballo digna, que redunda na mellora da calidade de vida dos produtores e, indirectamente, no coidado do noso medio ambiente”. Neste sentido, destacan a función de limpeza e de prevención de incendios forestais que realiza este tipo de gando mediante o seu pastoreo nos montes.
O xurado -composto polo director xeral de AGADER, Edelmiro López Iglesias, a directora xeral de Fomento e Calidade da Vivenda, Encarna Otero Cepeda, o profesor da Universidade de Vigo, Xosé Henrique Costas, o director xeral de Conservación da Natureza, Xosé Benizo Reza Rodríguez, o vicerreitor de Infraestruturas da Universidade de Santiago, Xoán Carreira Pérez, o profesor da Universidade da Coruña, Roi Salgueiro Barrio, a xerente de Hifas da Terra, entidade gañadora do premio en 2005, Catarina de Ana Magán e o secretario xeral de Agader, Mauro Cid Faílde- salientou o papel dinamizador da entidade gañadora “por saber artellar, desde unha óptica asociativa, o sector ovino e cabrún deste país, facendo máis rendibles as explotacións e contribuíndo notablemente á mellora técnica e sanitaria desta produción”.
|